Non sei se teño moi claro cómo definir Ao Teu Ritmo. Este proxecto nace da miña necesidade de escapar das formas de ensinanza actuais, tanto dos conservatorios como das escolas de música e, en definitiva, de todas as formas de transmitir a música que hai dende calquera centro regulado. Ollo, que non quero dicir con isto que estea en contra destes centros pero, co paso dos anos, deime conta de que cada vez se traballaba máis baixo unha batuta estrita, esixente e pouco flexible. E isto non é malo sempre que teñas claro que te queres adicar profesionalmente á música dende os 8 anos, idade mínima coa que podes facer a proba específica ao 1º curso de Grado Elemental, por exemplo. E temos iso claro a esa idade? O conservatorio está pensado para formar grandes intérpretes da música, sobre todo clásica, e iso está ben; pero non o é todo, ou igual non é o camiño que queremos seguir. 

        "Ao Teu Ritmo" é un espazo totalmente flexible, onde vir a experimentar, a aprender e a gozar coa música. O que se aprende aquí nace da inquietude e da demanda de cada persoa, grande pequena ou mediana. Un lugar onde vir a pasar un tempo de proveito facendo o que máis nos gusta e guiados polo entusiasmo e a paixón. O máis importante é divertirse e, ao mesmo tempo, aprender o que nos vaia pedindo o noso corpo.