Nace en Vigo en 1981. A súa relación coa música comeza en Suiza á idade de 4 anos, con clases de gaita e percusión tradicional no Centro Galego de Lausanne, sendo parte activa desa agrupación tocando o bombo dende os 5 anos e, un ano máis tarde, tocando a gaita. Iníciase aquí a súa experiencia nos escenarios, tanto en actuacións con grupos de baile, como en homenaxes, concursos e pasarrúas. Dende unha idade moi temperá, tivo a oportunidade de adentrarse e coñecer o mundo da ensinanza a carón do seu pai, que era daquela, o mestre de música tradicional do Centro Galego de Lausanne e que máis tarde, xa en Galicia, continúa esta actividade dando clases no Centro Recreativo Cultural de Redondela e de Reboreda, sendo o fundador da nova agrupación de gaitas e baile "O Carballo das Cen Polas".

        En 1991 comeza a súa formación no Conservatorio Municipal de Redondela, na especialidade de clarinete, ao mesmo tempo que segue a súa formación de música tradicional e axuda nas clases do seu pai. Xa no ano 1996, cando este se retira da ensinanza, déixaa a cargo das dúas agrupacións, tendo que facer fronte dende moi nova á ensinanza profesional.

        A partir de entón esperta a súa vocación pola transmisión do coñecemento e decide darlle continuidade. Ao mesmo tempo que remata os seus estudos secundarios, segue coas clases no conservatorio e traballa de forma profesional en diferentes localidades, chegando a estar con 23 anos, ao cargo de seis agrupacións diferentes en distintos Concellos.

        En 2010 gradúase de gaita e percusión clásica e, logo de levar catorce anos como profesora de gaita e percusión tradicional, decide deixar esta actividade para dar clases no Conservatorio Mayeusis de Vigo. O seu labor alí como mestra céntrase en materias como expresión musical, linguaxe musical, percusión corporal, agrupacións instrumentais, percusión, gaita, iniciación a outros instrumentos, así como a realización de cursos, actividades e a xestión do mantemento de todo o material musical do centro.

        Do 2019 ao 2022 decide darse un descanso nas clases e comeza a traballar como Técnico Especialista en Produción e Xestión nas diferentes formacións da Orquestra Vigo 430, tanto na formación Barrroca como na Orquestra Sinfónica, tendo a oportunidade de traballar na produción de óperas como El Barbero de Sevilla, Tosca, María Soliña e Falstaff entre outras, así como con directores de talla nacional e internacional, como Paolo Bortolameolli, Maxim Rysanov, Manuel Cobes e Isabel Rubio, e solistas como Anastasia Kobekina, Rubén Simeó, Pedro Castro, Teresa Novoa, Lina Tur Bonet, Anna Fedorova e Rosanne Philippens, entre outros.

        En 2022 comeza a traballar tamén na produción e xestión do XVI Festival Nigrán Jazz e no 2023 no XVII Festival Nigrán Jazz. Tamén neste ano participa, realizando a mesma actividade, nos Premios Mestre Mateo e no Ourense Film Festival coa Xove Orquestra Ourensanía. Con máis de 25 anos de experiencia nas diferentes actividades musicais, e botando moito en falta a ensinanza, é neste ano tamén cando decide compaxinar a súa actividade na produción e xestión co lanzamento dun novo proxecto chamado "Ao Teu Ritmo".

        Durante todos estes anos compaxinou o seu traballo e os seus estudos coa súa actividade como instrumentista en diferentes grupos e formacións, pasando por estilos tradicionais, folk, pop-rock, rock, ska, reggae, punk, percusión brasileira e música clásica.